31 agosto 2006

"...E pasaron os unos..."

Un artigo de Fernán Xosé Mourenza publicado en Arroutada Noticias.

Desde hai anos, moitos anos, chega a época do verán e, non se sabe moi ben nen porque estrana coincidencia, este noso País, arde; mellor, póñenlle lume. Este ano, non podía ser menos e, tamén lle plantaron lume. Os motivos poden ser moitos e moi variados mais, agás os propios dos puramente accidentais, os casos de enfermidades como a piromanía e outros semellantes, hai un que, por riba de todos, pulula no ambente: chámase es... . Es perade que veña outro verán e veredes, impotentes coma segue a ser o mesmo, iso, mália ao derroche e desplegue de medidas e recursos -humáns e materiais- que a Consellaría de Medio Rural -pois é súa a competencia nesta materia- poña a dispor. Ler mais..

26 abril 2006

Axudas ao Concello por estar na Rede Natura

Bueno, despois de folgar todo o mes de abril, toca volver a dar algunha nova do Val e do Concello de Navia.
No Progreso de onte viña a nova de que o conselleiro de Medio Ambiente anunciou diante de alcaldes de Lugo e a Coruña, sin a presencia do noso rexidor, unha línea de axudas os concellos con superficie declarada Rede Natura. Segundo eso, recibirán en Lugo axudas varios concellos, entre os que se conta o de Navia con unha superficie do 72,45% de superficie protexida.
Por outra banda, hoxe no Progreso tamén se pode ler unha entrevista co alcalde, no que dí que arestora pensa non presentarse as próximas eleccións. Ainda está desfollando a margarida, polo que nos pode dar algunha sorpresa.Xa vos contaremos.

26 marzo 2006

Navia, nai

Poucas veces se pode opinar sobre libros editados que falen da zona e que o autor tamén o sexa, como Navia, nai de Toño Núñez do Muxo da Proba, porque sinxelamente, non os hai.
Os contos e poemas de Toño Núñez engaiolannos, e lévannos ás mellores historias que nos cuntaban os nosos avós ó redor do lume nas lareiras, ou nas polavilas que tantas había nos anos que nos relata. Contos que nos falan da tristura da emigración ou das "gandainas" e falcatruadas dos mozos de Navia, falcatruadas que lles facían ós que non eran ben, ou as xentes que non era da vila e lles caían mal por algunha circuntancia. Tamén atopa espazo para tratar o tema dos escapados que houbo durante e despois da guerra civil por toda esta contorna.Ou da soedade dos vellos que van quedando na aldea, e que seus fillos tuveron que emigrar a Madrid ou Barcelona. Esto por enumerar algunhas.
Para conseguir o obxetivo de meternos nas súas historias, válese do léxico e xiros que sempre se dixeron nesta zona raiana de Asturias e León.Historias, unhas inventadas e outras non, e nas que se reconocen os seus protagonistas.
Hai en Toño Núñez un profundo enamoramento polos costumes, lendas e a lingua naviegas, enamoramento no que se recrea. Pero como escritor deleitase sobre todo nas nosas vellas e fermosas palabras, e que agora muito de este léxico está a piques de se perder. Fainos falla que Toño escriba mais libros, e mais Toños que traballen neste eido da recuperación, ou o do non esqecemento. A miña recomendación persoal é que merquedes este libro porque os nove euros que me custou ben os merece.Os meus parabens a Toño polo seu libro.

24 marzo 2006

Caralladas

Hai que ver qué descarados e mal educados son algúns políticos cando van pola rúa. Aínda que nos saímos da temática do Val, pero para desengraxar un pouco imos ver unhas imaxes de "Il Cavalliere" Berlusconi, que de cavaleiro non ten ren.

10 marzo 2006

A o señor alcalde non lle esplican nada

O señor alcalde non sabe nada, nin lle esplicaron nada os delegados de Vivenda e de Medio Rural. Nin o que van facer nin o que non. Non sei porque se sorprende, pois ós veciños do Concello tampouco el nos explicou nunca nada, ou o que mais: "eso xa está feito". Pero claro, el non sabía que iban a revisar as obras que nunca se acabaron de Coro, ademais de as da praza de Navia, por certo, non sei si vistes a "grande obra" que fixeron na susodita praza: agora é moito mais pequena que antes.
As grandes obras que iba facer a Xunta nos Ancares coa rehabilitación de Piornedo sacando os veciños do pobo, e facendo unha nova poboación para os habitantes, e de Coro como proxectos estrela, quedaron en eso, en proxectos, despois de 16 anos de "reinado", e sin dar esplicación ningunha.
"Para que digan que los dictadores somos nosotros" en palabras do señor alcalde a O Progreso, hoxe día 10/3/2006. E pregunto eu: ¿ Como se chaman as rúas principais da Proba?. A saber: Avenida del Generalísimo Franco, Avenida de Jose Antonio Primo de Rivera, Calle Don Esteban Bilbao.¿Cando vai a sacar o señor alcalde esos nomes de "demócratas" de toda-la-vida das rúas de Navia?. Vos mesmos tedes a contestación.
Tamén podedes ler outro artigo sobre o tema en La Voz de Galicia.

09 marzo 2006

Coro e O Val de Rao tamén existen


Hoxe, La Voz de Galicia publica un artigo centrado en Coro, aínda que menciona O Val de Rao (xa se vai sabendo que existe). O caso é que si non saimos nos medios non existimos, así que como todos sabedes: nós existimos.
Podedes lelo aquí

Foto: Mª.Jesús, 5 de marzo de 2006

05 marzo 2006

ADEGA fai unha marcha polo Val do Rao para reivindicar a súa declaración como Reserva Natural


Con esta nevarada que vedes se atoparon hoxe 5 de Marzo os aproximadamente 30 integrantes da agrupación ecoloxista Adega, no Val do Rao.
Realizaron un paseo pola ruta dos cortins percorrendo todo o Val do río Rao para reivindicar a súa declaración como Reserva Natural. En palabras de elos recollidas na Voz de Galicia: «Non podía faltar unha das maiores xoias ecolóxicas de Galiza, Os Ancares. E menos nun momento en que está en trámites o plan de ordenamento do futuro parque natural Ancares-Courel, cuio futuro é, polo momento, incerto. Coa nosa presenza queremos reclamar a pronta declaración de parque natural para esta zona, que non se merece menos protección, polos seus importantísimos valores biolóxicos, paisaxísticos, culturais e etnográficos».

Mais...

24 febrero 2006

Chove, neva e fai caramela (no Val do Rao)


Chove, neva e fai caramela,
pobre da vella que está na portela,
con oito fillos e media mantela
queicendo as canelas
con lume de estelas.

"Xaculatoria" da miña avoa Pacientina no mal tempo.

Foto: un camiño da Serra Morela o 19/2/2006

22 febrero 2006

A lingua mais difícil de falar e o runqueiro

Dada a escaseza de novas no Val de Rao (prácticamente valeiro pola semá), como non sexa a derradeira "razzia" dos cazadores nos montes ( é unha maneira de falar), ou a neve que caeu estos últimos días, canso de non dar pancada, onte adiqueime a pescudar pola arañeira na procura de unhas dúbidas e sospeitas que eu tiña, e atopei esto no blogue de Arredemo. É certo, o galego é unha das linguas mais difíciles de falar, e iría eu mais alén: é tamén unhas das mais doadas de esquecer. Algúns lembraredes noutrora, sendo cativos aínda, cómo despois de merendar un bon taragoxo de pan con chiculate, os nosos devanceiros nos contaban contos de bruxas e meigas, do lobo e do papón que nos deixaban pampos, literalmente abraiados. Tamén nos contaban outras cousas como o conto do runqueiro, que non por coñecido é menos esclarecedor:
Pois señor, isto éralle un homiño de un dos nosos pobos que fora a Madrid a traballar, e estivera unhos poucos meses polos madriles, cando tornou ó pobo xa se afixera a outra fala, e esqueicera todos os nomes das nosas cousas, el facíase de novas e iba preguntando:
-Y esto como se chama?
-Navalla- lle contestaba o seu pai.
- Y esta ferramenta, que nombre ten?
-Eso é unha fouce- lle volvía a retrucar con pacencia.
- Y esa cousa, que nombre le dan eiqui?.
Xa canso de tanta inquisición, o pai díxolle:
-Porque non a pisas, e ela mesma che dirá como se chama.
Esto fixo o homiño, dándolle unha boa pisada nas gallas, de tal xeito que o mango se levantou e deulle na testa, ó que o bon rapazolo recuperou nun intre a memoria, e dixo todo anoxado:
-Condenado runqueiro!!.
Polo que se deduce que sempre fomos algo fracos de memoria, xa despois de custarmos aprender a lingua mais difícil do mundo.

20 febrero 2006

Radio na bitácora

Agora podedes disfrutar de unhas cantas pezas de música mentras ledes este caderno de bitácora. Entre as pezas de música incluidas están: "A muiñeira de Piornedo", "Camiño de Ibias " ou " Polca de Fonsagrada", entre outras, para que sexan cousas próximas ó Val do Rao. O radio blog está a mao direita, debaixo de Arquivos.

15 febrero 2006

Caderno de bitácora de Balonga

Hoxe quero saúdar a incorporación de un novo caderno de bitácora, o de Balonga, quen ademais de ser do Val do Rao escribe en galego. Si ledes o foro de Navia xa coñeceredes a Balonga, un home profundamente preocupado pola nosa lingua e costumes, que xunto co carácter didáctico das súas escritas, ofrece unha personalidade ben senlleira no panorama dos foros. Pois agora teremos a sorte de poder lelo no seu blog. Algunhas veces que teño falado con el, sobre o tema da lingua que se falaba no Val de Rao hai anos, pensaba ( e eu tamén) que era de unha riqueza que para sí quixeran agora moitos xoves na cidade, a pesares de ser analfabeta algunha xente de aquela, ou ter asistido namais a escola dos mestres do tego.
Parabens a Balonga, e desexarlle o éxito que se merece na súa teimosa andaina a prol do galego. Tamén o podedes seguir desde o apartado de O Barullo na páxina de Aldeadecoro

13 febrero 2006

A palloza, vivenda intelixente


A palloza ou pallaza galega é un tipo de vivenda no cal se aplicaron diversos criterios de construcción intelixente, como nos edificios máis modernos. A maioría dos estudiosos cren que a palloza evolucionou a partir do modelo de vivenda común nos castros.

Primeiramente indicar que as pallozas non son exclusivas de Galicia, porque construccións similares vense noutras rexións do norte peninsular, en Asturias, Castela ou Portugal, pero tamén en Francia e especialmente nas Illas Británicas, onde ata certo punto aínda é práctica habitual tellar casas unifamiliares con palla. A distribución destas construccións nas terras que habitaron pobos considerados celtas fixo pensar que a palloza podería ser un modelo de vivenda traído a estas terras por aqueles nas súas migracións, pero non existen probas concluíntes.
Certos estudos arqueolóxicos fan pensar que a orixe destas construccións podería remontarse a tempos máis antigos aínda, quizais á época do megalitismo, na que se sospeita que tamén existiu unha conexión entre as distintas rexións atlánticas europeas. Pero debemos sinalar así mesmo que a aparición de patróns similares nunha rexión extensa non ten por qué obedecer necesariamente a migracións ou difusión cultural: a converxencia evolutiva e unha teoría tan boa como as anteriores para explica-lo carácter multinacional das pallozas.

Isto significa que poderían ter aparecido nas distintas rexións aínda sen existir relación entre elas, simplemente porque en todas se dispoñía dos mesmos materiais de construcción, ou sexa madeira, pedra e palla (normalmente colmo de centeo). Por exemplo, unha característica común ás pallozas de España e do estranxeiro é o trazado da súa planta, pero a adopción dun perímetro circular ou ovalado non responde a razóns culturais, senón que se debe a criterios totalmente prácticos, xa que estas formas xeométricas son as que abarcan maior superficie con menor perímetro, e isto significa un grande espacio interior minimizando o esforzo na construcción do muro e o tellado.

A evolución da palloza respecto do modelo típico castrexo non pasou polo uso de novos materiais como a tella romana, senón pola adecuación a unha función distinta: as vivendas castrexas tiñan de catro a cinco metros de diámetro, e nelas só vivían persoas, pero a palloza acolle tamén o gando, e por isto existe compartimentación e o seu tamaño é maior. Os historiadores achacan este cambio a diferencias na forma de explota-lo medio: sería de xeito comunitario nos castros, cun cerrado común para o gando, e de xeito individualista trala romanización.

En canto ós criterios de construcción intelixente, nas pallozas de planta oval ou elíptica é o muro máis estreito o enfrontado ós ventos predominantes, buscando unha forma aerodinámica que protexa o tellado; ó pé do muro existe unha viela que canaliza as augas que caen do beiril do tellado; os vans son pequenos e escasos para evitar perdas de calor, conseguíndose que a temperatura interior sexa duns catorce graos centígrados, a pesar da inclemencia do inverno nas montañas do Caurel ou dos Ancares.

Persoal da Facultade de Física da Universidade de Santiago ten realizado asombrosas medicións en vivendas modernas, nas que se rexistraban temperaturas aínda menores que ó aire libre. Nas rústicas pallozas, en cambio, a temperatura mantense a niveis aceptables por estas razóns: primeira, os pequenos vans que evitan fugas de calor; segunda, o teito de palla, que retén aire, constituíndo un illamento excepcional; terceira, o lume constantemente aceso na lareira; cuarta e quinta, a calor dos animais e a desprendida nos procesos de fermentación do estrume, que chegan á vivenda das persoas atravesando a compartimentación de madeira ou ramallo.

Outras das intelixentes medidas adoptadas polos arquitectos de pallozas son: caixóns pechados para durno inverno; dormitorios de verán na barra; tornalumes ou canizos que impiden que prenda na palla o lume do forno ou da lareira... Vemos pois que a construcción intelixente non é algo novo: hoxe está de moda, pero as vivendas que se construían antigamente seguían xa criterios funcionais, cun resultado non carente de estética e unha perfecta integración na paisaxe.

FOTO:F. Blanco
Unha palloza nos Ancares. Algunha delas estivo habitada ata hai poucos anos

Xerardo Neira\Santiago

07 febrero 2006

Xuntanza do alcalde de Navia con Anxo Quintana


O alcalde de Navia, Vicente Flores, e a concellala de Asuntos Sociais acudiron onte día 6 de febreiro a unha xuntanza co Vicepresidente da Xunta en Santiago de Compostela. Na entrevista expuxéronlle a necesidade de un centro de día e unha residencia para maiores. A proposta contará coa colaboración do Goberno Autonómico. Segundo o alcalde, a xuntanza foi positiva, aínda que non se sabe cando se construirá ni con que orzamentos vai a contar, pero unha ubicación posibel pode ser o antigo cuartel da Garda Civil. Flores anunciou que o Vicepresidente acudirá a vindeira Festa da Androlla. Foto de El Progreso.

05 febrero 2006

Cacharro desdícese de que vaian a presentar a Os Ancares para Reserva da Biosfera


O presidente da Diputación de Lugo, Cacharro Pardo, desdíxose do declarado anteriormente de que se iba a presentar a Os Ancares para Reserva da Biosfera, e dixo que de momento non, e que somentes se consultará ós concellos. Información dos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do día 4 de febreiro de 2006.

29 enero 2006

Volverán a presentar Os Ancares para Reserva da Biosfera


Segundo informa La Voz de Galicia, na súa edición de onte día 28 de Xaneiro de 2006, despois do éxito de Cacharro ( non falo das desafortunadas declaracións que fixo a favor do senador do PP por Melilla nas que dixo de este: "expresó en voz alta un pensamiento que comparte con millones de españoles", e polas que depois tivo que chamarlle a atención o seu xefe de filas Nuñez Feijoo), senón da declaración por parte da Unesco das Terras do Miño como Reserva da Biosfera, premio que recibíu xunto ca ministra de Narbona, a Diputación de Lugo e o Ministerio de Medio Ambiente volverán a presentar a candidatura dos Ancares para este ano 2.006.
Mais información.....

25 enero 2006

150 kg. de androlla se repartirán na Festa da Androlla


O día 26 de febreiro día da XVI Festa da Androlla o Concello de Navia repartirá 150 kg. de androlla con pan, viño e rosca, de balde. A proba será a unha da tarde na praza do Concello. Os actos da festa empezarán o día 25, ca 13ª edición da Ruta da Androlla de 4X4. O día 26 as dez da mañá vai haber un trial de 4X4 en Barcia. Haberá tamén actuacións da banda de gaitas Saviñao e a charanga Vilalba. Os stands abrirán ese día as dez e media da mañá. Todos os que se queiran inscribir como expositores teñen de prazo ata o día 23 de febreiro. Na foto, XV edición da festa, celebrada o ano pasado.

A festa da Santa Mariña de Coro será o 19 de Agosto (non o día 10)

Definitivamente, a festa da Santa Mariña de Coro será o 19 de Agosto,(05/02/2006, cambio de data para o 19 de Agosto), como xa adiantei noutra nova anterior, segundo a Comisión de Festas. Barallaron outros días posteriores, pero por fín decidiron que fora o 19 de agosto, sábado. Arestora xa teñen comprometida a presenza da acordeonista M. José de Ibias. Esperan que a concurrencia sexa tan nutrida como o ano pasado. Para axuda dos gastos da festa venden camisetas en varios colores e tallas como a que se mostra na foto; tamen dispoñen de polos para home e muller moi bonitos que outro día expoñerei. A figura e a mesma que a das camisetas, pero moito mais reducida. O que queira velas ou merca-las pode acudir o Barullo de Coro.

23 enero 2006

O concello asfalta parte do pobo de Faquís

O dito, o concello de Navia ven de rematar o asfaltado e cementado de parte dos camiños de Faquís. Segundo fontes non oficiais o investimento ascendería a perto de vintecatro mil euros. Non dispoño de foto. Cando a teña xa expoñerei, para que vexades algo da obra.

19 enero 2006

Este blog na web de Laxo


Non facía moito tempo que entrara na páxina de Laxo, pero onte visiteina , e atopei a ligazón a este blog de novas; e bo que espallemos as nosas cousas e que xente que vive fora esté ó tanto do que pasa na parroquia, porque ademais de Madrid, Barcelona ou o País Vasco, hai xente de aquí que vive na Arxentina ou México ( un primo meu, por exemplo).
Xa sabedes que o blog ten un feed, e se pode ler con outros programas que non é o Internet Explorer ou Mozilla : os lectores de rss como o Feedreader que se pode atopar de balde aquí.
Depois de instala-lo namais tedes que engadir o enderezo:http://valdorrao.blogspot.com/atom.xml e xa funciona automáticamente, cada entrada nova que haxa será lida e presentada.
Somentes me resta por decir que si sabedes algunha nova, que me escribais para poder presentala no blog, así como si queredes participar tamén me podeis decilo, seredes benvidos!!

17 enero 2006

Festas nos povos do Val



Aínda semella ser algo cedo para falar do tema, pois casi nin saímos do Nadal e as festas serán todas polo vrao, pero así xa nos imos preparando con tempo. Houbo anos en que somentes se celebrou a de Murias, pero parece que algunhas volven a renacer coma o ave Fénix das súas cinzas, tal é o caso de Coro que no 2.005 se celebrou despois de 36 anos, e con gran asistencia de público.

Volvendo as datas da súa celebración, xa se pode anuncia-las seguintes:

A de Murias o día 7 de agosto coma sempre na honra do San Donate.

A de Coro o día 10 de agosto na honra da Santa Mariña.

A de Rao que este ano vólvese a celebrar despois de un ano de descanso, o día 15 de Agosto, naturalmente, na honra da Nosa Señora.

A de Fulgueiras de Aigas aínda queda por datar, pero o mais probable é que tamén se celebre.

Hai que mencionar que a festa de Balouta será o día 11 e mailo 12 de agosto, na honra do Santiago.

En Laxo non teñen festa sonada do "San Caraxán", pero elos non deixan de celebrala con un ágape entre os veciños.

Así que xa o sabedes, hai que prepararse para as festas, e os que están fora (a maioría) que pida as vacacións nas empresas para esas datas.