24 febrero 2006

Chove, neva e fai caramela (no Val do Rao)


Chove, neva e fai caramela,
pobre da vella que está na portela,
con oito fillos e media mantela
queicendo as canelas
con lume de estelas.

"Xaculatoria" da miña avoa Pacientina no mal tempo.

Foto: un camiño da Serra Morela o 19/2/2006

22 febrero 2006

A lingua mais difícil de falar e o runqueiro

Dada a escaseza de novas no Val de Rao (prácticamente valeiro pola semá), como non sexa a derradeira "razzia" dos cazadores nos montes ( é unha maneira de falar), ou a neve que caeu estos últimos días, canso de non dar pancada, onte adiqueime a pescudar pola arañeira na procura de unhas dúbidas e sospeitas que eu tiña, e atopei esto no blogue de Arredemo. É certo, o galego é unha das linguas mais difíciles de falar, e iría eu mais alén: é tamén unhas das mais doadas de esquecer. Algúns lembraredes noutrora, sendo cativos aínda, cómo despois de merendar un bon taragoxo de pan con chiculate, os nosos devanceiros nos contaban contos de bruxas e meigas, do lobo e do papón que nos deixaban pampos, literalmente abraiados. Tamén nos contaban outras cousas como o conto do runqueiro, que non por coñecido é menos esclarecedor:
Pois señor, isto éralle un homiño de un dos nosos pobos que fora a Madrid a traballar, e estivera unhos poucos meses polos madriles, cando tornou ó pobo xa se afixera a outra fala, e esqueicera todos os nomes das nosas cousas, el facíase de novas e iba preguntando:
-Y esto como se chama?
-Navalla- lle contestaba o seu pai.
- Y esta ferramenta, que nombre ten?
-Eso é unha fouce- lle volvía a retrucar con pacencia.
- Y esa cousa, que nombre le dan eiqui?.
Xa canso de tanta inquisición, o pai díxolle:
-Porque non a pisas, e ela mesma che dirá como se chama.
Esto fixo o homiño, dándolle unha boa pisada nas gallas, de tal xeito que o mango se levantou e deulle na testa, ó que o bon rapazolo recuperou nun intre a memoria, e dixo todo anoxado:
-Condenado runqueiro!!.
Polo que se deduce que sempre fomos algo fracos de memoria, xa despois de custarmos aprender a lingua mais difícil do mundo.

20 febrero 2006

Radio na bitácora

Agora podedes disfrutar de unhas cantas pezas de música mentras ledes este caderno de bitácora. Entre as pezas de música incluidas están: "A muiñeira de Piornedo", "Camiño de Ibias " ou " Polca de Fonsagrada", entre outras, para que sexan cousas próximas ó Val do Rao. O radio blog está a mao direita, debaixo de Arquivos.

15 febrero 2006

Caderno de bitácora de Balonga

Hoxe quero saúdar a incorporación de un novo caderno de bitácora, o de Balonga, quen ademais de ser do Val do Rao escribe en galego. Si ledes o foro de Navia xa coñeceredes a Balonga, un home profundamente preocupado pola nosa lingua e costumes, que xunto co carácter didáctico das súas escritas, ofrece unha personalidade ben senlleira no panorama dos foros. Pois agora teremos a sorte de poder lelo no seu blog. Algunhas veces que teño falado con el, sobre o tema da lingua que se falaba no Val de Rao hai anos, pensaba ( e eu tamén) que era de unha riqueza que para sí quixeran agora moitos xoves na cidade, a pesares de ser analfabeta algunha xente de aquela, ou ter asistido namais a escola dos mestres do tego.
Parabens a Balonga, e desexarlle o éxito que se merece na súa teimosa andaina a prol do galego. Tamén o podedes seguir desde o apartado de O Barullo na páxina de Aldeadecoro

13 febrero 2006

A palloza, vivenda intelixente


A palloza ou pallaza galega é un tipo de vivenda no cal se aplicaron diversos criterios de construcción intelixente, como nos edificios máis modernos. A maioría dos estudiosos cren que a palloza evolucionou a partir do modelo de vivenda común nos castros.

Primeiramente indicar que as pallozas non son exclusivas de Galicia, porque construccións similares vense noutras rexións do norte peninsular, en Asturias, Castela ou Portugal, pero tamén en Francia e especialmente nas Illas Británicas, onde ata certo punto aínda é práctica habitual tellar casas unifamiliares con palla. A distribución destas construccións nas terras que habitaron pobos considerados celtas fixo pensar que a palloza podería ser un modelo de vivenda traído a estas terras por aqueles nas súas migracións, pero non existen probas concluíntes.
Certos estudos arqueolóxicos fan pensar que a orixe destas construccións podería remontarse a tempos máis antigos aínda, quizais á época do megalitismo, na que se sospeita que tamén existiu unha conexión entre as distintas rexións atlánticas europeas. Pero debemos sinalar así mesmo que a aparición de patróns similares nunha rexión extensa non ten por qué obedecer necesariamente a migracións ou difusión cultural: a converxencia evolutiva e unha teoría tan boa como as anteriores para explica-lo carácter multinacional das pallozas.

Isto significa que poderían ter aparecido nas distintas rexións aínda sen existir relación entre elas, simplemente porque en todas se dispoñía dos mesmos materiais de construcción, ou sexa madeira, pedra e palla (normalmente colmo de centeo). Por exemplo, unha característica común ás pallozas de España e do estranxeiro é o trazado da súa planta, pero a adopción dun perímetro circular ou ovalado non responde a razóns culturais, senón que se debe a criterios totalmente prácticos, xa que estas formas xeométricas son as que abarcan maior superficie con menor perímetro, e isto significa un grande espacio interior minimizando o esforzo na construcción do muro e o tellado.

A evolución da palloza respecto do modelo típico castrexo non pasou polo uso de novos materiais como a tella romana, senón pola adecuación a unha función distinta: as vivendas castrexas tiñan de catro a cinco metros de diámetro, e nelas só vivían persoas, pero a palloza acolle tamén o gando, e por isto existe compartimentación e o seu tamaño é maior. Os historiadores achacan este cambio a diferencias na forma de explota-lo medio: sería de xeito comunitario nos castros, cun cerrado común para o gando, e de xeito individualista trala romanización.

En canto ós criterios de construcción intelixente, nas pallozas de planta oval ou elíptica é o muro máis estreito o enfrontado ós ventos predominantes, buscando unha forma aerodinámica que protexa o tellado; ó pé do muro existe unha viela que canaliza as augas que caen do beiril do tellado; os vans son pequenos e escasos para evitar perdas de calor, conseguíndose que a temperatura interior sexa duns catorce graos centígrados, a pesar da inclemencia do inverno nas montañas do Caurel ou dos Ancares.

Persoal da Facultade de Física da Universidade de Santiago ten realizado asombrosas medicións en vivendas modernas, nas que se rexistraban temperaturas aínda menores que ó aire libre. Nas rústicas pallozas, en cambio, a temperatura mantense a niveis aceptables por estas razóns: primeira, os pequenos vans que evitan fugas de calor; segunda, o teito de palla, que retén aire, constituíndo un illamento excepcional; terceira, o lume constantemente aceso na lareira; cuarta e quinta, a calor dos animais e a desprendida nos procesos de fermentación do estrume, que chegan á vivenda das persoas atravesando a compartimentación de madeira ou ramallo.

Outras das intelixentes medidas adoptadas polos arquitectos de pallozas son: caixóns pechados para durno inverno; dormitorios de verán na barra; tornalumes ou canizos que impiden que prenda na palla o lume do forno ou da lareira... Vemos pois que a construcción intelixente non é algo novo: hoxe está de moda, pero as vivendas que se construían antigamente seguían xa criterios funcionais, cun resultado non carente de estética e unha perfecta integración na paisaxe.

FOTO:F. Blanco
Unha palloza nos Ancares. Algunha delas estivo habitada ata hai poucos anos

Xerardo Neira\Santiago

07 febrero 2006

Xuntanza do alcalde de Navia con Anxo Quintana


O alcalde de Navia, Vicente Flores, e a concellala de Asuntos Sociais acudiron onte día 6 de febreiro a unha xuntanza co Vicepresidente da Xunta en Santiago de Compostela. Na entrevista expuxéronlle a necesidade de un centro de día e unha residencia para maiores. A proposta contará coa colaboración do Goberno Autonómico. Segundo o alcalde, a xuntanza foi positiva, aínda que non se sabe cando se construirá ni con que orzamentos vai a contar, pero unha ubicación posibel pode ser o antigo cuartel da Garda Civil. Flores anunciou que o Vicepresidente acudirá a vindeira Festa da Androlla. Foto de El Progreso.

05 febrero 2006

Cacharro desdícese de que vaian a presentar a Os Ancares para Reserva da Biosfera


O presidente da Diputación de Lugo, Cacharro Pardo, desdíxose do declarado anteriormente de que se iba a presentar a Os Ancares para Reserva da Biosfera, e dixo que de momento non, e que somentes se consultará ós concellos. Información dos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do día 4 de febreiro de 2006.