13 febrero 2006

A palloza, vivenda intelixente


A palloza ou pallaza galega é un tipo de vivenda no cal se aplicaron diversos criterios de construcción intelixente, como nos edificios máis modernos. A maioría dos estudiosos cren que a palloza evolucionou a partir do modelo de vivenda común nos castros.

Primeiramente indicar que as pallozas non son exclusivas de Galicia, porque construccións similares vense noutras rexións do norte peninsular, en Asturias, Castela ou Portugal, pero tamén en Francia e especialmente nas Illas Británicas, onde ata certo punto aínda é práctica habitual tellar casas unifamiliares con palla. A distribución destas construccións nas terras que habitaron pobos considerados celtas fixo pensar que a palloza podería ser un modelo de vivenda traído a estas terras por aqueles nas súas migracións, pero non existen probas concluíntes.
Certos estudos arqueolóxicos fan pensar que a orixe destas construccións podería remontarse a tempos máis antigos aínda, quizais á época do megalitismo, na que se sospeita que tamén existiu unha conexión entre as distintas rexións atlánticas europeas. Pero debemos sinalar así mesmo que a aparición de patróns similares nunha rexión extensa non ten por qué obedecer necesariamente a migracións ou difusión cultural: a converxencia evolutiva e unha teoría tan boa como as anteriores para explica-lo carácter multinacional das pallozas.

Isto significa que poderían ter aparecido nas distintas rexións aínda sen existir relación entre elas, simplemente porque en todas se dispoñía dos mesmos materiais de construcción, ou sexa madeira, pedra e palla (normalmente colmo de centeo). Por exemplo, unha característica común ás pallozas de España e do estranxeiro é o trazado da súa planta, pero a adopción dun perímetro circular ou ovalado non responde a razóns culturais, senón que se debe a criterios totalmente prácticos, xa que estas formas xeométricas son as que abarcan maior superficie con menor perímetro, e isto significa un grande espacio interior minimizando o esforzo na construcción do muro e o tellado.

A evolución da palloza respecto do modelo típico castrexo non pasou polo uso de novos materiais como a tella romana, senón pola adecuación a unha función distinta: as vivendas castrexas tiñan de catro a cinco metros de diámetro, e nelas só vivían persoas, pero a palloza acolle tamén o gando, e por isto existe compartimentación e o seu tamaño é maior. Os historiadores achacan este cambio a diferencias na forma de explota-lo medio: sería de xeito comunitario nos castros, cun cerrado común para o gando, e de xeito individualista trala romanización.

En canto ós criterios de construcción intelixente, nas pallozas de planta oval ou elíptica é o muro máis estreito o enfrontado ós ventos predominantes, buscando unha forma aerodinámica que protexa o tellado; ó pé do muro existe unha viela que canaliza as augas que caen do beiril do tellado; os vans son pequenos e escasos para evitar perdas de calor, conseguíndose que a temperatura interior sexa duns catorce graos centígrados, a pesar da inclemencia do inverno nas montañas do Caurel ou dos Ancares.

Persoal da Facultade de Física da Universidade de Santiago ten realizado asombrosas medicións en vivendas modernas, nas que se rexistraban temperaturas aínda menores que ó aire libre. Nas rústicas pallozas, en cambio, a temperatura mantense a niveis aceptables por estas razóns: primeira, os pequenos vans que evitan fugas de calor; segunda, o teito de palla, que retén aire, constituíndo un illamento excepcional; terceira, o lume constantemente aceso na lareira; cuarta e quinta, a calor dos animais e a desprendida nos procesos de fermentación do estrume, que chegan á vivenda das persoas atravesando a compartimentación de madeira ou ramallo.

Outras das intelixentes medidas adoptadas polos arquitectos de pallozas son: caixóns pechados para durno inverno; dormitorios de verán na barra; tornalumes ou canizos que impiden que prenda na palla o lume do forno ou da lareira... Vemos pois que a construcción intelixente non é algo novo: hoxe está de moda, pero as vivendas que se construían antigamente seguían xa criterios funcionais, cun resultado non carente de estética e unha perfecta integración na paisaxe.

FOTO:F. Blanco
Unha palloza nos Ancares. Algunha delas estivo habitada ata hai poucos anos

Xerardo Neira\Santiago

No hay comentarios: